Muros MIra ao Mar

As Xornadas de cultura mariñeira, “Muros Mira ao Mar”, celébranse en Muros, na primeira quincena do mes de xullo. Naceron no ano 2004 como unha aposta innovadora por parte do Concello de Muros co obxectivo de poñer en valor o rico patrimonio cultural mariñeiro desta localidade. Este patrimonio é un signo de identidade da comunidade que estaba a decaer. Así, a fin desta iniciativa, asumida polo Concello de Muros, é crear un produto de turismo cultural no que se conxugan as raíces do patrimonio mariñeiro coa difusión dunha das vilas mariñeiras máis fermosas de Galicia, Muros.

Neste proxecto hai que destacar a colaboración de diversas entidades e a implicación da veciñanza de Muros As Xornadas de cultura mariñeira, “Muros Mira ao Mar” tén parte de recreación histórica, centrada na vida dunha vila típica mariñeira, coma Muros, no século XIX, co obxectivo recuperar e preservar a memoria mariñeira da vila, ao mesmo tempo que potenciar a cultura mariñeira tradicional desta localidade, amosando á veciñanza de Muros e aos visitantes as costumes tradicionais da vila en relación co mar.

O eixe central sobre o que xiran as Xornadas é a cultura mariñeira tradicional de Muros e cada ano elíxese un tema central que da contido ás charlas e parte das exposicións, e que nas edicións pasadas foron: ”A Pesca Tradicional”, “A Vivenda Mariñeira”, “O Traxe Tradicional”, “Os Oficios do Mar”, “A Muller e o Mar”, “Mar e Mercadorías”, “Un Mar de Lingua. Falar muradán”, “Carpintería de ribeira”, “A Conservación dos produtos do Mar: Afumado e Secado”, “A Conservación dos produtos do Mar II: As Fábricas de Salga e Conserva” e “Muros. Vila de Auga e Sal”. Ao redor destes temas elabórase un amplo programa de Actividades, que se desenvolve en tres días e podemos agrupar do seguinte xeito:

  • Ambientación.
  • Exposicións.
  • Obradoiros de oficios.
  • Charlas e mesas redondas.
  • Visitas guiadas.
  • Mercado tradicional mariñeiro.
  • Actuacións musicais.
  • Actuacións teatrais.
  • Animación de rúa.
  • Xogos tradicionais.
  • Concentración de embarcacións tradicionais.
  • Concursos: de pesca, de ambientación.
Menú