convento-san-francisco

Ten a súa orixe no século XIII e é un dos monumentos mellor conservados de todo o termo municipal. Foi fundado como crematorio no ano 1233 e sobre el levantouse unha capela románica dedicada a Santa Mónica do Rial, que no ano 1432 pasou a ser convento. Porén, a súa vida verase paralizada en 1835 por causa da exclaustración dos relixiosos; anos despois, concretamente en 1873, volveu  ser ocupado polos membros da orde franciscana, que se encargaron da súa restauración.

Aínda que por moi pouco tempo, este convento albergou o primeiro colexio de rapaces que querían exercer a profesión relixiosa, pero debido ao crecente número de estudantes tívose que trasladar a Herbón. Chamando ás portas, e pedindo permiso, é posible visitar a igrexa e o adro interior do convento.

Destaca no conxunto do mosteiro a presenza da igrexa de estilo gótico e un fermoso claustro de magnífica factura e coidado deseño que, segundo unha inscrición atopada, data do ano 1646. Nas proximidades do convento, ascendendo polo monte, desenvólvese un orixinal Vía cruces composto por quince estacións, nas que se relatan escenas da Paixón de Cristo, construído no ano 1877 grazas aos donativos dos fieis. Durante anos, o domingo de Ramos e o posterior ao 26 de novembro, festa de San Leonardo de Porto Mauricio, ao vía cruces acudía unha gran afluencia de veciños.

 

Menú