Cronoloxía: Século XVII – XVIII.
Estilo: Neoclásico
Situado na parroquia de Abelleira, o templo de Santo Estevo consta de planta en cruz latina, sendo o brazo transversal de menor altura.
As capelas laterais cóbrense con bóveda de canón ao igual que o resto da nave. Consta de capela maior á que se engadiu na parte posterior unha sancristía con acceso a través de dúas portas nos dous lados do altar. Aos pés da nave hai un coro baixo no cal existe unha pía bautismal embebida no muro, baixo un arco de medio punto; noutro lado da nave atópase unha porta lateral. O espacio dedicado ao altar destaca do resto da fábrica pola súa maior altura e a cuberta e catro augas; o resto da nave cóbrese a dúas augas con tella, prolongándose polas capelas laterais.
A fachada principal, presenta unha composición neoclásica formada por catro pilastras que sosteñen un frontón triangular cun remate dunha cruz e pináculos nos extremos.
Entre as dúas pilastras centrais sitúase a porta remata na parte superior por unha cornixa onde descansa a figura do Santo. Enriba desta, un óculo circular.
A igrexa está rodeada polo cemiterio, dividido en dúas partes; o vello, intramuros, cheo de lápidas no chan. Sobre o muro de cerre encóntrase unha espadana de dúas arcadas rematada en pináculos que deberon pertencer á igrexa e que mantén a función como campanario.